O proxecto “Do Des-Equilibrio aos soños compartidos” é unha iniciativa de Educación Ambiental centrada na emerxencia climática, que aspira a desenvolver unha metodoloxía de intervención interxeneracional para a construción de narrativas de futuro sustentables a través dunha acción teatral. Búscase deste xeito xerar escenarios desexables que sirvan de inspiración para o necesario cambio cultural que esixen os retos ambientais presentes.
O cambio climático constitúe o maior reto ambiental ao que se enfronta a humanidade na actualidade. A súa relevancia e impacto está fora de toda dúbida e a posta en marcha de iniciativas de mitigación e adaptación revélase unha obriga inescusable para todas as institucións.
Así mesmo, o papel que debe xogar a educación ambiental no impulso e acompañamento destas iniciativas, tamén conta con reiterados chamamentos. Porén, os proxectos e actividades educativas impulsadas no pasado e o presente non están conseguindo os efectos desexados. Non se teñen en conta os coñecementos e percepcións previas das persoas participantes; predominan públicos escolares con escasa capacidade de cambio no inmediato; son protagonistas os contidos centrados na alfabetización científica, lonxe da realidade dos destinatarios; resultan máis frecuentes as metodoloxías de intervención pasivas, puntuais e pouco innovadoras; en poucas ocasións establécense aliados no ámbito cultural e artístico; e non están servindo para construír relatos alternativos en clave de sostenibilidade.
A urxencia do cambio climático e a necesidade de desenvolver intervencións educativas con impacto inmediato nas contornas vivenciais esixe buscar metodoloxías creativas que conxuguen destinatarios, técnicas artísticas e sinerxías para confeccionar narrativas que sirvan de inspiración para a transformación social.
O proxecto pretende desenvolverse en tres espazos nos que implicar, en cada un deles, a dous grupos diferentes: un de mocidade (con idades entre os 12 e os 18 anos), e outro sénior (de maiores de 65 anos). Os grupos seguirán unha secuencia de traballo, primeiro por separado e, chegado o momento, xuntándose. Na secuencia inicial afondarase na relación de mocidade e maiores co cambio climático, de forma que, cando se xunten, dea comezo o deseño compartido dunha intervención teatral onde amosar un futuro sustentable desexable.
Aspírase a traballar con públicos pouco habituais (mocidade e maiores) e, ademais, facelo a través de varias sesións de traballo en clave interxeneracional. Deste xeito, conxúgase a enerxía identificada nos actuais movementos xuvenís polo clima, cos saberes dos maiores para a recuperación de prácticas de baixas emisións. Ademais, coa incorporación da dimensión artística, a través do teatro, manexarase a dimensión emocional, imprescindible na construción de futuros sustentables e xustos.
Entre outubro de 2021 e maio de 2022 o proxecto puido desenvolverse no Concello de Padrón, co grupo de voluntariado sénior da Oficina de Voluntariado Municipal, e unha aula de 2º de bacharelato do IES Camilo José Cela.
O traballo con estes dous grupos rematou coa actividade “Xardín Utopía”; unha intervención sonora colaborativa celebrada o 8 de maio no xardín histórico de Padrón.
Na actualidade, o proxecto está a desenvolverse nos Concellos de Pontevedra e Ames. En Pontevedra, co apoio da Asociación Veciñal Eduardo Pondal, contamos cun grupo de 12 participantes (8 maiores, 4 rapazas). En Ames o proxecto ten unha compoñente diferenciadora en clave de xénero, cun grupo integramente composto por mulleres de diversas idades (de 80 a 14 anos). Durante o mes de abril está previsto que os dous grupos rematen o seu traballo de deseño dunha intervención artístico/teatral.
A través de códigos QR colocados ao pé dalgunhas árbores podían descargarse as mensaxes de voz que as persoas participantes no obradoiro deixaron sobre os seus desexos de futuro persoais, as súas utopías. Con esta acción pretendíase reivindicar a nosa capacidade para imaxinar futuros mellores e desexables, nun momento no que se impón a distopía como pensamento único.
Do 27 de marzo ao 30 de abril, unha exposición elaborada cos materiais do Xardín Utopía percorrerá varios centros sociais de Pontevedra:
A entrada é de balde no horario de apertura dos centros sociais correspondentes.
Os diálogos utópicos son un convite ao soño compartido. Un espazo de debate no que conxugar distintas perspectivas ao redor do futuro utópico, as súas características e o papel que xogarán as distintas disciplinas.
No primeiro deles, Sés, cantautora de recoñecida traxectoria, e Cristina, arquitecta urbanista e investigadora, conversarán sobre o papel da música e o urbanismo na construción de narrativas de futuro máis ou menos utópicas e as interseccións posibles ou desexables entre ambas disciplinas.
O 28 de abril, Laura, enxeñeira informática e investigadora, e María Reimóndez, escritora eactivista, falarán sobre as distintas formas de elaborar relatos e realidades utópicas, da literatura ao mundo virtual e volta.
Os diálogos contarán tamén coa participación de socias do colectivo Narración Oral Galega (NOGA), que introducirán e pecharán os diálogos con historias que nos permitan buscar no pasado elementos a recuperar para un futuro inmediato.

Entrada de balde até completar aforo.
As Fillas Bravas e o mito de Casandra é, por un lado, unha obra na que tres mulleres maiores tratan de entender o cambio climático e facerlle fronte aplicando os saberes e a experiencia dunha vida longa no rural. E por outro, é unha obra con perspectiva de xénero á procura de personaxes femininas empoderadas, colocando o foco nunha muller afirmativa, autónoma, creativa e implicada na colectividade.
Entrada de balde até completar aforo.
* As xornadas contan co cofinanciamento do Concello de Pontevedra e a colaboración da Deputación e o Museo de Pontevedra para a cesión do espazo de Santa Clara
O proxecto Do desequilibrio aos soños compartidos, narrativas de futuro sostibles conta co apoio económico e acompañamento da Fundación Daniel e Nina Carasso, a través da súa convocatoria “Compoñer saberes para imaxinar e construír futuros sostibles 2021”. Con esta convocatoria a Fundación busca atopar proxectos que poidan supor unha palanca de cambio no ámbito da Arte Cidadá.

Así mesmo, os Concellos participantes (Padrón, Ames, Pontevedra), cofinancian tamén a iniciativa, alén de facilitar e acompañar as sesións de traballo cos grupos implicados.