Que facemos?
Metodoloxías
A nosa metodoloxía de traballo baséase en formatos construtivos que contan en todo momento con dinámicas e procesos participativos. Os proxectos e actividades pretenden, ademais, ser o suficientemente flexibles como para adaptarse a cada grupo, de maneira que as dinámicas a desenvolver sexan acordes ás especificidades atopadas durante cada sesión. Partimos da busca do coñecemento e reflexión individual sobre as diferentes cuestións, para dar paso a unha reflexión en colectivo, é dicir, crear curiosidade no grupo buscando a implicación e experiencia das persoas.
É por iso que empregamos metodoloxías socioafectivas (aprendidas da man de https://www.otraescuela.org/) o Teatro dxs Oprimidxs e a Educación Popular, que conteñen ferramentas e coñecementos desenvolvidos nos diferentes territorios da Abya yala, e que nos ofrecen novas formas de autocoñecemento, investigación e construción colectiva.
Consideramos o coñecemento como algo dinámico que se constrúe na continua relación entre a práctica e a reflexión; entre os erros e as aprendizaxes…
Utilizamos o xogo como ferramenta de interacción e aprendizaxe entre as persoas e co medio que habitamos; e a posibilidade de experimentar coas artes que nos ofrecen novas e diferentes formas de expresión e consciencia que transcenden á palabra.
Entendemos a avaliación coma un proceso de busca de información para a melloría dos nosos proxectos Ten función formativa mais tamén sumativa, enriquecendo os procesos e propiciando a creación de actitudes críticas, mellorando, polo tanto o cumprimento dos obxectivos de partida.