Recursos
Preme sobre a tipoloxía de recurso que desexes consultar para despregar os recursos asociados. Se sitúas o cursor sobre un recurso poderás ler un breve texto descritivo. Se desexas abrilo, preme sobre a tarxeta.
Materiais didácticas

(Des) equilibristas: Proposta socioeducativa para traballar a saúde dende unha perspectiva global
Unidade didáctica, 2020
Esta guía é unha proposta de viaxe saudable que conecta alimentación, medio ambiente, emocións, relacións veciñais, comunidade e tempos de lecer, amosando como en todos estes ámbitos podemos intervir para mellorar o noso benestar.
O material foi adaptado para o contexto da COVID-19, facilitando que o profesorado poida traballalo co alumnado a través de 5 cartillas e varios itinerarios guiados que abordan diferentes temáticas de forma accesible e práctica.

Guía para formar parte da Rede Eco Hortas Escolares
Guía, 2022
Esta guía nace para orientar os centros educativos interesados en sumarse á Rede de Ecohortas Escolares, ofrecendo información clara sobre as distintas modalidades de participación e os pasos a seguir.
O noso labor consistiu no asesoramento, documentación e redacción para esta guía, un documento accesible e útil para centros e comunidades escolares.

Guía de patios coeducativos
2021

Construíndo comunidade: referentes feministas e bo trato desde a aula
Unidade didáctica, 2024
Unidade didáctica do proxecto Medrando en Igualdade que ofrece ferramentas prácticas para traballar co alumnado a igualdade, a prevención das violencias machistas e a deconstrución de estereotipos de xénero. Permite visibilizar referentes feministas locais, fomentar o pensamento crítico e promover unha convivencia transformadora e inclusiva na comunidade educativa.

Una propuesta educativa para la promoción de la adaptación climática Climactiva. Iniciativas ciudadanas ejemplares.
Guía didáctica, 2025
Guía didáctica baseada na experiencia do proxecto Descarboniza! Que non é pouco…, que combina investigación socioeducativa e práctica en educación ambiental.
O recurso ofrece unha metodoloxía sólida e accesible para traballar a adaptación ao cambio climático con persoas adultas, inspirada nas iniciativas cidadás analizadas en CLIMACTIVA e pensada para ser replicada noutros contextos.

Guía Didáctica Diversidade Familiar e Condutas Contrarias á Igualdade
Guía didáctica, 2022
Guía educativa galega dirixida á adolescencia e familias que aborda a diversidade familiar e as condutas contrarias á igualdade, promovendo a coeducación emocional, a convivencia saudable e o bo trato a través de actividades prácticas e recursos visuais.
Combina actividades de reflexión e materiais gráficos para traballar conceptos clave como os tipos e funcións das familias (biosociais, económicas, culturais...), os estilos educativos (democrático, autoritario, permisivo...) e o desenvolvemento da intelixencia emocional.

Orientaciones para incorporar el enfoque de género en las iniciativas ciudadanas
Guía práctica, 2025
Recurso práctico con ferramentas para integrar a perspectiva de xénero nos procesos participativos e comunitarios. Ofrece ideas, indicadores e recomendacións para garantir unha participación máis inclusiva e equitativa, tomando como referencia aprendizaxes do proxecto CLIMACTIVA.
Contidos audiovisuais

Mapa Interactivo Tocar ao Concello (TAC)
Mapa interactivo, 2022
Mapa interactivo resultado dun proceso comunitario na Veiga (Ourense) que recompila patrimonio material e inmaterial: fontes, sendeiros, receitas, oficios, cancións, castros, historias e lendas. Ferramenta para construír memoria colectiva e fortalecer a identidade local.

Trailer da curtametraxe: “Raíces. Da utopía en diante”
Curtametraxe, 2024
Curtametraxe que continúa o proxecto Do Des-Equilibrio aos soños compartidos, protagonizada por mulleres de Biduído (Ames). Explora novas narrativas de futuro a través das súas experiencias, converténdose nun recurso de impacto social para imaxinar camiños colectivos máis xustos e sostibles.

Mapa emocional da asociación ‘O Reguiño’
Mapa emocional - Biduído, 2025
Ferramenta didáctica e divulgativa que recompila patrimonio material e inmaterial, saberes tradicionais e historias locais. Centrado no papel das mulleres e da terra, permite explorar textos e audios para coñecer narrativas habitualmente invisibilizadas e promover a conservación do patrimonio e a comunidade.

Xardín Utopía
Vídeo, 2022
O 8 de maio de 2022, o Xardín Botánico de Padrón acolleu “Xardín Utopía”, unha intervención artística enmarcada no proxecto “Do Desequilibrio aos soños compartidos. Creación de narrativas de futuro sostibles”. Durante esta actividade, as persoas visitantes puideron escoitar mensaxes de voz das participantes no proxecto, nas que compartían desexos persoais e visións dun futuro mellor. O vídeo mostra esta experiencia artística, combinando o entorno natural do xardín coa creación de narrativas de futuro sostibles, invitando á reflexión sobre o noso papel na construción dun mundo máis equilibrado e comunitario.

Programa de radio “Construír o futuro comprendendo o noso passado”
Radiocrónica, 2024
Peza radiofónica creada no taller “Construír o futuro comprendendo o noso pasado”, no que un grupo de veciñas de Biduído (Ames) explorou narrativas de futuro a partir das súas experiencias e saberes locais, creando relatos que conectan o pasado coa imaxinación de futuros máis xustos e sostibles.

Vídeo Xornadas Pontevedra Utopía
Vídeo, 2023
Este vídeo recolle os momentos culminantes do evento que pechou o proxecto "Do desequilibrio aos soños compartidos". Durante tres días —do 27 ao 29 de abril de 2023—, a cidade de Pontevedra converteuse nun espazo de encontro e reflexión sobre futuros sostibles. As xornadas incluíron diálogos entre profesionais como a cantautora Sés, a arquitecta Cristina Botana, a escritora María Reimóndez e a enxeñeira informática Laura M. Castro, que compartiron as súas visións sobre a construción de narrativas utópicas. Tamén se representou a obra "As Fillas Bravas e o Mito de Casandra", que combinou teatro e reflexión ambiental.

Diálogo 2 - Xornadas Pontevedra Utopía
Vídeo, 2023
Vídeo completo do día 28 de abril de 2023 das "Xornadas Pontevedra Utopía", enmarcadas no proxecto “Do Des-Equilibrio aos soños compartidos”. Neste día Laura M. Castro, enxeñeira informática e investigadora, e María Reimóndez, escritora e activista, compartiron as súas visións sobre creación de relatos e realidades utópicas. A súa conversa profundiza nas múltiples formas de construír futuros desexables, desde a literatura ata o mundo virtual e de volta, explorando como as narrativas poden inspirar cambios sociais e culturais.

Vídeo do proceso Tocar ao Concello (TAC)
Vídeo, 2022
Vídeo que documenta o nacemento e desenvolvemento do proxecto TAC na Veiga (Ourense), unha iniciativa comunitaria para recuperar a tradición de tocar as campás e fomentar encontros, imaxinación compartida e cambio social local.

Receitas con memoria: Mapa ecoemocional de San Xoán de Fecha
Mapa emocional - Fecha, 2024
Mapa emocional e ecosocial que recompila saberes tradicionais, historias locais e prácticas sostibles en San Xoán de Fecha, resaltando o papel das mulleres na comunidade fronte á emerxencia climática. Ferramenta para visibilizar memoria, patrimonio e conexións entre persoas, territorio e medio ambiente.

Exposición: “Seráns con saberes e sabores tradicionais fronte á emerxencia cñimática”
Exposición Padrón, 2024
Traballo de recompilación documental sobre mulleres relevantes en Padrón e o seu impacto na comunidade que se traduciu nunha exposición onde expoñer saberes tradicionais en clave de xénero e sustentabilidade.

Relatos de futuro
Diarios de Futuro, 2024
Este documento é unha colección de textos titulada “Diarios do futuro”.
Textos creados no obradoiro de narrativas de futuro, onde as persoas participantes imaxinaron e escribiron desde o ano 2073.
Os “Diarios do futuro” ofrecen visións que van máis alá do colapso e da catástrofe, construíndo relatos esperanzadores desde o persoal, o cotián e o concreto, para repensar colectivamente como poderían ser os futuros posibles.

Entrevista radiofónica- Mujeres de una aldea gallega reinventan la lucha contra el cambio climático
Entrevista Grupo de Biduído a Cadena Ser, 2024
Mulleres de Biduído (Ames) comparten os seus saberes tradicionais e experiencias sobre a terra e a vida rural, reflexionando sobre o coidado do medio ambiente e a acción comunitaria fronte ao cambio climático.
Este episodio do programa “A Vivir”, amosa como estas historias e prácticas locais, ligadas á vida rural tradicional, poden inspirar solucións e enfoques innovadores para afrontar os retos ambientais actuais.
Unha mostra clara de como o coñecemento e a acción comunitaria poden contribuír de forma significativa á loita contra os desafíos ambientais globais.

Diálogo 1 - Xornadas Pontevedra Utopía
Vídeo, 2023
Vídeo completo do día 27 de abril de 2023 das "Xornadas Pontevedra Utopía" Neste día a cantautora Sés e Cristina, arquitecta urbanista e investigadora, conversaron sobre o papel da música e o urbanismo na construcción de narrativas de futuro —máis ou menos utópicas—, e sobre as interseccións posibles ou desexables entre ambas disciplinas. Un encontro inspirador que combina arte, reflexión e imaxinación para pensar novos futuros.
Estudos e publicacións

Árbores que non arden: As mulleres na prevención dos incendios florestais
Libro, 2019
A presenza das mulleres no ámbito dos lumes en Galicia segue a ser pouco visible: apenas aparecen nas noticias, nos equipos de extinción, nos comités de decisión ou nos foros de debate. Mais, acaso non prenden, non apagan, non deciden nin reflexionan? Para dar resposta, o proxecto Batefogo reúne neste volume diversas autoras que analizan, desde distintas disciplinas, o papel das mulleres na prevención e extinción dos incendios forestais.

Análisis sobre Estilos de vida Sostenibles y Resilientes ante la Emergencia climática
Estudo, 2022
Estudo cualitativo promovido polo Instituto de las Mujeres que explora como mulleres e homes adoptan hábitos para reducir a pegada de carbono. Identifica referentes, visibiliza brechas de xénero e propón recomendacións para avanzar cara a sociedades máis xustas e sostibles.

Estudio comparativo del Plan de Acción de Educación Ambienta para la Sostenibilidad (PAEAS) con las estrategias autonómicas de educación ambiental
Estudo, 2024
Estudo comparativo do PAEAS coas estratexias autonómicas de educación ambiental. Estudo promovido polo MITECO e o CENEAM que analiza os plans e documentos estratéxicos en educación ambiental aprobados na última década. Identifica coincidencias, diferenzas e propostas de mellora para reforzar a coherencia e a coordinación das políticas públicas en España.

Pedagoxías/educación para a paz para transformar as escolas e o mundo
Artigo, 2025
Artigo publicado na Revista Galega de Educación (nº 91, marzo 2025) que propón unha mirada pedagóxica para aprender a convivir co malestar e a incomodidade dos conflitos. Achega un marco de reflexión e unha metodoloxía inspirada na organización Otra Escuela, orientada a construír unha educación para a paz desde a práctica colectiva.

Emerxencia climática e educación
Artigo, 2022
Artigo publicado na Revista Galega de Educación (nº 84, decembro 2022) que analiza os retos da educación fronte á crise climática nun contexto marcado pola pandemia, a guerra en Ucraína e os eventos climáticos extremos. O texto reflexiona sobre o papel da escola e da educación non formal como ferramentas clave para promover cambios culturais cara a sociedades máis xustas e descarbonizadas.

Educación ambiental para la sostenibilidad en el corazón de las Políticas públicas. Recorrido histórico, buenas prácticas y recomendaciones para su transversalización
Informe, 2024
Informe elaborado no marco do PAEAS 2021-2025 que analiza como integrar a educación ambiental nas políticas públicas. Recolle un percorrido histórico, boas prácticas e recomendacións para reforzar a súa presenza institucional ante a emerxencia climática e a transición ecolóxica.

CLIMACTIVA. INICIATIVAS CIUDADANAS EJEMPLARES. Integrar la adaptación y la resilencia ante los riesgos climáticos en los estilos de vida
Informe, 2024
Informe divulgativo que recolle 11 experiencias cidadás fronte a riscos climáticos como incendios, inundacións, ondas de calor ou seca. O documento analiza estilos de vida sostibles, incorpora a perspectiva de xénero e ofrece materiais educativos para fomentar a adaptación colectiva e igualitaria ao cambio climático.