EDUCACIÓN ARTESANAL PARA A TRANSFORMACIÓN SOCIAL
Todo isto é Feitoría Verde-Lilá
Somos unha cooperativa sen ánimo de lucro que entende a EDUCACIÓN coma un proceso lento de artesanía: orixinal, cheo de afectividade, de tempo investido e de pequenos detalles. Unha acción de transformación social que nos fai estar en constante proceso de mellora e aprendizaxe, tanto persoal como colectivamente. Unha actividade pedagóxica e política que coloca no centro as necesidades e o benestar das persoas e da natureza que habitamos. Un benestar que nos fai conscientes da nosa vulnerabilidade e da nosa eco e interdependencia das demais persoas e do medio, e abre a posibilidade de tecer redes e xerar interaccións na construción da xustiza social e ambiental.
Feitoría Verde-Lilá busca activar o pensamento crítico e xerar cambios de actitudes e comportamentos no ámbito da ecoloxía e as relacións socioafectivas de cara a construción dunha sociedade máis igualitaria e sustentable, tanto entre público adulto como crianzas, deseñando e acompañando procesos a longo prazo, e actividades puntuais, promovidas por entidades públicas e privadas.
Ángela Fraga
Educadora Social e Pedagoga cunha sólida traxectoria no ámbito dos feminismos, a igualdade e a transformación de conflitos. Especializada en educación emocional e metodoloxías participativas e artísticas, utiliza o Teatro das Oprimidas como ferramenta de cambio e reflexión colectiva. Facilita obradoiros e procesos de convivencia, mediación e bo trato, así como accións formativas en educación sexual integral, coa mirada posta nun obxectivo claro: construír relacións máis libres, xustas e igualitarias.
Miguel Pardellas
Licenciado en Ciencias Ambientais pola Universidade de Salamanca e Doutor en Ciencias da Educación pola Universidade de Santiago de Compostela. A súa traxectoria combina a investigación e a acción arredor da Educación Ambiental, a Participación Social e os movementos cidadáns. O seu traballo céntrase na procura de estratexias comunitarias para afrontar a crise climática, promovendo proxectos que unen coñecemento científico, compromiso social e transformación ecolóxica.
Rebeca Raso
Licenciada en Economía Doméstica pola Universidade Federal do Ceará (Brasil) e Doutora en Educación, Xénero e Igualdade pola Universidade de Santiago de Compostela. A súa traxectoria enlaza feminismo, educación ambiental e desenvolvemento rural, impulsando proxectos que fortalecen o tecido comunitario desde unha perspectiva transformadora. Especializada en metodoloxías participativas, combina investigación e acción social para promover procesos formativos que xeran cambios reais en igualdade, sustentabilidade e coidado colectivo.
Aida Raíndo
Educadora Social formada na Universidade de Santiago de Compostela, onde destacou no itinerario de Acción Sociocultural e Desenvolvemento Comunitario, bases da súa práctica profesional. Conta con formación en mediación de conflitos, educación emocional, lingua de signos e terapia de xogo, ferramentas que integra para acompañar grupos en procesos de participación, igualdade e mellora da convivencia. A súa mirada combina sensibilidade social e metodoloxías vivenciais para fomentar comunidades máis cohesionadas e inclusivas.
A nosa meta, a nosa visión
Queremos ser unha cooperativa recoñecida pola súa capacidade de desenvolver proxectos onde a investigación, a coeducación, o medio ambiente, o xénero ou a ética dos coidados vaian sempre da man; dando resposta ás necesidades das persoas e entidades que participan e impulsando a transformación socioecolóxica necesaria para o ben común.
Solidariedade, sustentabilidade, xustiza social e ambiental
Entendemos que a busca de solucións á actual situación de crise ambiental e social pola que atravesan as sociedades contemporáneas está estreitamente ligada á activación de mecanismos de solidariedade entre persoas e colectivos, a través de fórmulas interxeneracionais non curtopracistas.
Ecofeminismo, igualdade, equidade
A nosa cooperativa defínese necesariamente ecofeminista, impulsando a busca de alternativas que compaxinen a equidade entre xéneros e a consideración dos límites da biosfera.
Cooperación, coeducación, corresponsabilidade
As fórmulas de traballo basearanse necesariamente na cooperación, estendéndose esta ás prácticas educativas, a través de dinámicas que promovan a coeducación e a corresponsabilidade entre educadoras e participantes.
Ética, coherencia, compromiso
A ética, en clave ecofeminista, a coherencia, cos nosos valores e principios, e o compromiso por unha transformación da sociedade en termos de ben común, eríxense como os fitos sobre os que sustentar o deseño e desenvolvemento de proxectos.
Participación, comunidade, colectiva
Calquera proceso participativo resulta tamén un proceso educativo, polas capacidades e coñecementos que se adquiren do colectivo participante. Na mesma liña, consideramos que a práctica educativa debe rexerse tamén polos principios dunha educación participativa, que contemple, alén dos individuos, as dimensións do colectivo e a comunidade.
Coidados, inclusión, diversidade
Coidar as persoas coas que traballamos e coidarnos a nós mesmas resulta vital para o desenvolvemento dunha práctica profesional na que, por riba de todo, prima o respecto e a inclusión, considerando a diversidade das necesidades individuais e colectivas.

