Mulleres fronte a emerxencia climática
Orixe e traxectoria
A finais de 2016 ponse en marcha o proxecto Descarboniza! Que non é pouco…, iniciativa do Grupo de Investigación de Pedagoxía Social e Educación Ambiental (SEPA) da Universidade de Santiago de Compostela (USC), coa que se buscaba organizar e acompañar grupos de persoas que estiveran dispostas a “descarbonizar” os seus estilos de vida, reducindo así as súas emisións de gases de efecto invernadoiro. Na súa páxina web tedes información detallada do proxecto e a súa andaina.
Xa nas primeiras experiencias piloto do proxecto o número de integrantes femininos nos grupos participantes era desproporcionadamente maior que o de homes. Un nesgo que se mantivo durante os anos seguintes e acabou por xerar un debate interno sobre a necesidade de deseñar unha metodoloxía de intervención que contemplara o peso específico da variable de xénero; se ben, non será até a incorporación de Feitoría Verde á equipa de traballo que este debate se traduce nunha proposta concreta. Nace así o proxecto Mulleres fronte a emerxencia climática.
A convocatoria da Deputación e o deseño metodolóxico
Despois de valorar distintas opcións, na primavera de 2022, xorde a oportunidade de levar a práctica o proxecto a través da convocatoria da Deputación da Coruña FOIO0A: PROGRAMA DE SUBVENCIÓNS A ENTIDADES SEN FINS DE LUCRO PARA O MANTEMENTO DE PROGRAMAS DE POLÍTICAS DE IGUALDADE DE OPORTUNIDADES ENTRE MULLERES E HOMES E LOITA CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO NO ANO 2022.
Dentro da liña de traballo EI 1: Empoderamento e participación social, o proxecto formúlase como unha iniciativa que conxuga as aprendizaxes de “Descarboniza! Que non é pouco…” coa integración das necesidades en clave de xénero detectadas.
Na experiencia acumulada cos grupos de Descarboniza! Que non é pouco…, e en sintonía co recollido en diversas investigacións, destacaban dúas cuestións: o traballo sobre a memoria e un pasado de baixas emisións servía tamén para evidenciar as desigualdades das mulleres nun tempo pretérito, ligado a situacións de vulnerabilidade e sufrimento. Porén, ao mesmo tempo, evidenciábase una enorme capacidade de resiliencia, xa que, mesmo nesas situacións límite, as mulleres identificaban e lideraban prácticas individuais e colectivas que enfrontaba a escaseza con cohesión social.
Con estas reflexións presentes, constrúese unha secuencia de intervención onde a variable de xénero priorízase a través de varias dinámicas, poñendo o foco no papel que teñen xogado, e seguen xogando, as mulleres tradicionalmente no coidado e a cohesión social para o reforzo da resiliencia comunitaria fronte as ameazas.
Un camiño compartido
Desde o ano 2022, co financiamento da Deputación da Coruña, o proxecto Mulleres fronte a emerxencia climática tense implementado nos concellos de Santiago de Compostela, Padrón, Ames, Brión, A Pobra do Caramiñal e Vedra.
Todos os grupos inician a súa andaina cunha secuencia básica de sesións onde se analizan colectivamente os vínculos entre cambio climático e o xénero, contextualizando impactos e alternativas no contexto local. Logo, dependendo de cada caso e as decisións das mulleres participantes, cada grupo vai escollendo o seu camiño, optando entre a construción de propostas de acción a nivel municipal, como a elaboración de plans de adaptación climática en clave de xénero; un traballo máis simbólico, visibilizando e poñendo en valor elementos singulares da súa contorna coa construción de mapas emocionais; ou mesmo actuacións directas sobre o territorio en clave de alimentación ou mobilidade.
Nas avaliacións realizadas, sobre todo nos concellos onde puido concretarse unha secuencia plurianual de traballo, a valoración das participantes foi moi positiva, nomeadamente no que ten que ver coa mellor da autoestima dos propios grupos e o autoconvencemento de que poden ser axentes clave para a dinamización das súas propias comunidades e o reforzo da súa resiliencia ante a crise climática ou outras ameazas externas.
Un proceso de adaptación constante
Igual que aconteceu co proxecto matriz Descarboniza! Que non é pouco…, a iniciativa Mulleres fronte a emerxencia climática experimentou, e aínda experimenta, varias adaptacións e derivas metodolóxicas, tanto das secuencias propias de intervención como na súa conexión con outros proxectos.
Deste xeito, xorden intervencións que buscan a clave interxeracional, organizando paseos con centros educativos, por exemplo, para a amosar o traballo feito desde os grupos; ou outras que poñen énfase na necesidade de construír narrativas de futuro desexables e igualitarias, como foi o caso do proxecto Do Desequilibrio aos soños compartidos.
Sexa como for, a proposta metodolóxica busca sempre adaptarse ás necesidades e decisións dos grupos, nun proceso onde a autonomía e a iniciativa das mulleres está por riba de resultados e produtos.
Así mesmo, cómpre destacar que todas as sesións pretenden, sempre, ser espazos de acollida, coidados e, tamén, diversión. Algo que quixemos levar ao I Encontro de Mulleres fronte a emerxencia climática, celebrado en novembro de 2024 en Santiago de Compostela.
Situación actual
2022 | 2023 | 2024 | 2025 | |
Padrón | Secuencia inicial | Plan de adaptación climática municipal e clave de xénero | Iniciativa Sabores e Saberes | |
Ames (Biduído) | Secuencia inicial | Conexión con “Do Desequilibrio aos soños compartidos” | Mapa emocional | |
Santiago de Compostela (Fecha) | Secuencia inicial | Plan de adaptación climática municipal e clave de xénero | Mapa ecoemocional | |
A Pobra do Caramiñal | Secuencia inicial + paseo interxeneracional | – | – | – |
Brión | Secuencia inicial + paseo interxeneracional | – | – | Reconectando |
Val do Dubra | Secuencia inicial | – | – | |
Vedra | Secuencia inicial + actividade aberta |