Nós

Miguel Pardellas
As palabras que definen a Miguel son coñecemento, capacidade de síntese e concreción, constancia e creatividade na aplicación metodolóxica. Así é que serve, na aplicación de proxectos educativos, como ponte entre a academia e a comunidade.
Tranquilo, investigador curioso e soñador, cun humor intelixente. Probablemente non verás a Miguel facendo o parvo, pero si fomentando actividades e procesos onde as persoas aprendan dende a diversión e a risa. En constante búsqueda de outras formas de facer e transformar…

Ángela Fraga
Integrar perspectivas, sensibilidades e carácter lúdico en todos os momentos dos procesos educativos é fundamental para que teñan éxito; Ángela faino. É creativa e versátil, e ademais sáelle de xeito natural. Así é que os grupos cos que traballa queren repetir.
Tan divertida e vital que traballar con ela convértese nunha experiencia enerxética e enriquecedora a todos os niveis. Para completar o cóctel, a coherencia e o activismo que fan parte do seu adn fan de calquera das súas intervencións un exercicio de transformación tan potente como rexoubeiro.
Ofrecer á sociedade unha práctica educativa ecofeminista que, a través de procesos individuais e colectivos, sexa quen de proporcionar as ferramentas e capacidades para enfrontar os retos presentes e futuros da humanidade en materia de medio ambiente, desigualdades sociais ou desigualdades de xénero.
Ser unha cooperativa recoñecida pola súa capacidade de desenvolver proxectos onde a investigación, a coeducación, o medio ambiente, o xénero ou a ética dos coidados vaian sempre da man; dando resposta ás necesidades das persoas e entidades que participan e impulsando a transformación socioecolóxica necesaria para o ben común.
Solidariedade – Sustentabilidade – Xustiza Social e Ambiental
Entendemos que a busca de solucións á actual situación de crise ambiental e social pola que atravesan as sociedades contemporáneas está estreitamente ligada á activación de mecanismos de solidariedade entre persoas e colectivos, a través de fórmulas interxeneracionais non curtopracistas.
Ecofeminista – Igualdade – Equidade
A nosa empresa defínese necesariamente ecofeminista, impulsando a busca de alternativas que compaxinen a equidade entre xéneros e a consideración dos límites da biosfera.
Cooperación – coeducativa – corresponsábel
As fórmulas de traballo basearanse necesariamente na cooperación, estendéndose esta ás prácticas educativas, a través de dinámicas que promovan a coeducación e a corresponsabilidade entre educadoras e participantes.
Ética – coherente – comprometida
A ética, en clave ecofeminista, a coherencia, cos nosos valores e principios, e o compromiso por unha transformación da sociedade en termos de ben común, eríxense como os fitos sobre os que sustentar o deseño e desenvolvemento de proxectos.
Participación – comunidade – colectiva
Calquera proceso participativo resulta tamén un proceso educativo, polas capacidades e coñecementos que se adquiren do colectivo participante. Na mesma liña, consideramos que a práctica educativa debe rexerse tamén polos principios dunha educación participativa, que contemple, alén dos individuos, as dimensións do colectivo e a comunidade.
Coidados – Inclusión – Diversidade
Coidar ás persoas coas que traballamos e coidarnos a nós mesmas resulta vital para o desenvolvemento dunha práctica profesional na que, por riba de todo, prima o respecto e a inclusión, considerando a diversidade das necesidades individuais e colectivas.