Saltar ao contido

Mulleres fronte a emerxencia climática

Que é?

Unha iniciativa de educación eco-feminista pensada para formar grupos de mulleres interesadas en reflexionar, compartir sobre a relación entre xénero e emerxencia climática, e como esta ten afectado as súas vidas e o seu territorio.
Con este proxecto, preténdese poñer en valor a relevancia de todas esas mulleres cuxo papel foi determinante no coidado da terra e das persoas, e segue a ser fundamental na transición ecolóxica e na busca da efectiva igualdade na nosa actual sociedade.

Visibilizar o seu labor e importancia na nosa historia, tanto a nivel medioambiental como social, ante as xeracións máis novas pero tamén nas adultas, é fundamental para lograr un cambio na perspectiva de xénero que nos impulse a construír unha sociedade máis igualitaria.

O obxectivo é...

Crear espazos de conversa e reflexión nun ambiente dinámico, divertido e de bo trato, onde analizar xuntas o impacto da emerxencia climática no noso territorio e construír alternativas.

Por que as mulleres?

O cambio climático intensifica desigualdades sociais xa existentes. As mulleres, especialmente no medio rural, vense afectadas de maneira máis directa pola súa situación e pola tradicional atribución de roles de coidado. Con todo, estas mesmas mulleres son portadoras de saberes, prácticas e experiencias fundamentais para a resiliencia comunitaria e a transición ecolóxica.

Que facemos?

  • Faremos varias xuntanzas nas que aprenderemos e gozaremos do proceso compartido e distendido.
  • A conversa, o xogo e as dinámicas serán as ferramentas principais para fortalecer o grupo nun ambiente acolledor e motivador.
  • Abordaremos como os cambios no planeta e na sociedade repercuten no noso día a día: saúde, alimentación, coidados, traballo ou educación.
  • Recuperaremos a memoria das mulleres e os saberes locais, valorizando e descubrindo experiencias e coñecementos que nos inspiren a crear solucións reais para un futuro mellor.

Como traballamos?

A metodoloxía utilizada é socio-afectiva e durante todo o proceso usamos métodos de ensinanza activos: de resolución de conflitos, desenvolvemento de discusións e debates, construción de alternativas en grupo.
Xunto a estas dinámicas e métodos, utilizaranse tamén técnicas lúdicas (xogos de roles, exercicios de teatralización…) que axudan a desenvolver as sesións de xeito divertido, utilizando ademais da mente o corpo, e outorgándolle un espazo amplo ás emocións e ao vivencial.

A secuencia de intervención constitúese en 10-12 sesións en función das necesidades do grupo, que marcarán os ritmos e parte das dinámicas. A duración das sesións sería sempre a mesma, aproximadamente de hora e media, e o idóneo sería unha periodicidade entre semanal e quincenal, para que non pase moito tempo entre elas.

PHP Code Snippets Powered By : XYZScripts.com