Igualdade

Esta liña de traballo directa e transversal empapa todo o quefacer de Feitoría Verde. Non somos quen de imaxinar e soñar a educación ambiental, os procesos educativos e a participación se non están atravesadas por unha mirada interseccional de igualdade e equidade. 

Apostamos pola transformación das sociedades sexistas, racistas e clasistas nas que vivimos, construíndo alternativas a través da prevención e xestión das violencias. Adquirindo aprendizaxes que nos leven ao desenvolvemento do botrato e a colocación dos coidados no centro da vida e das relacións; para poder identificar e transformar as relacións de poder xerarquizadas, desiguais, e excluíntes que existen.

 

As nosas propostas

Educar no coñecemento e desenvolvemento da sexualidade na adolescencia é favorecer o establecemento de relacións desexadas e consensuadas, libres de violencia sexual e de estruturas de poder e dominación. 

Para isto non hai receitas máxicas, aínda que si unha cantidade de ingredientes que é preciso desenvolver ao longo do tempo para favorecer relacións afectivo sexuais saudábeis: coidados e afectos, coñecer e cuestionar os mitos amor romántico, autocoñecemento dos corpos e formas diversas de ser e expresarse, métodos de protección nas relacións sexuais, orientacións sexuais, pracer, porno…

Non hai actividade económica produtiva que non se desenvolva e sustente sobre o traballo reprodutivo non remunerado. Sen embargo, a pesar dos avances das mulleres por incorporarse á vida laboral (remunerada) en case todos os países do mundo, a outra metade da humanidade segue sen incorporarse ao traballo reprodutivo con responsabilidade. Os coidados condicionan como nos queremos, tratamos, necesitamos… e como damos resposta a todo iso no noso día a día. Seguen a estar desigualmente repartidos en cuestións de xénero e clase social a pesar da súa necesidade absoluta.

O “botrato” así todo xunto, é un concepto que Fina Sanz reivindica en contraposición ao de maltrato, que existe dende fai moito tempo e inunda o noso imaxinario e vida diaria. Para revertir todo este maltrato é preciso visibilizar e recoñecer os coidados e practicar formas de ben querer na cotideaneidade. Desaprender é unha palabra clave neste proceso.

Para poder previr relacións de violencia é preciso primeiramente visibilizala e identificala, xa que é unha problemática moi complexa e normalizada, con diversas causas que están presentes no noso día a día. Nas redes sociais, medios de comunicación, música, publicidade…

A través de diferentes dinámicas e ferramentas de coñecemento e análise da realidade, aprofundaremos de maneira progresiva en diferentes cuestións como a socialización diferenciada de xéneros, estereotipos e roles, tipos de violencias machistas, relacións toxicas, diversidades afectivo-sexuais…

Esta é unha proposta cociñada a lume lento. O seu obxectivo é dar voz e poñer en valor a todas esas mulleres que nos rodean nas nosas aldeas, vilas e ciudades, á súa historia e ás súas vidas, non só para coñecelas, se non para xerar un diálogo interxeneracional promovido e centrado nas mulleres que recoñeza a súa contribución e valores social, cultural e económico na historia local. 

Trátase dun proceso na que a persoa é a protagonista. A nosa metodoloxía canaliza a aprendizaxe mediante técnicas e dinámicas grupais de participación e xestiona ao grupo para a súa maior eficacia no tratamento de contidos nas sesións durante todas as actividades que se van a desenvolver no proxecto.

Así esta acción formativa está centrada na participación activa de todas as mulleres involucradas, que serán as principais guías do proceso que se abra, e respectará os espazos e as dinámicas propias do grupo, para contribuír ao seu empoderamento.

É un proxecto aberto a traballar con grupos de mulleres xa en funcionamento ou outros grupos que estean por crear. E diríxese a todas as idades.

Poñer en común o parecer das mulleres para chegar a conclusións comúns e buscar solucións e alternativas fundamentadas no xénero e creadas e dirixidas por un grupo de mulleres.

Este proxecto trátase de poñer en marcha un proceso participativo no que un grupo de mulleres, a través, dunha serie de merendas ou almorzos de traballo diagnostiquen as carencias que hai no noso entorno en canto a cuestións de xénero e deseñen estratexias de mellora factibles e útiles. 

Acompáñase este proceso por unha serie de propostas formativas que complementen todo o traballo realizado. Por exemplo: obradoiro de recoñecemento dos corpos desde unha perspectiva de xénero, obradoiro de linguaxe inclusiva ou doutras materias que xurdan do propio grupo.