Educación ambiental
Estamos nun momento moi preocupante que deriva do noso modelo de consumo insaciable e da nosa forma de vida urbana, individualista e patriarcal. Temos moitos retos por diante: a crise ecolóxica, a emerxencia climática, a ruptura dos ciclos naturais, o maltrato ao noso territorio…
Concibimos a Educación Ambiental como ferramenta para a participación, a aprendizaxe mutua, o intercambio de experiencias e a valorización de recursos e prácticas, endóxenas e innovadoras. Para crear procesos que nos fagan mudar, colaborar e repensar as nosas vidas e o noso mundo.
O modelo de consumo predominante -insaciable, urbano, individualista e patriarcal- lévanos a enfrontar unha situación socioecolóxica máis que preocupante: crise ecolóxica, emerxencia climática, ruptura dos ciclos naturais, maltrato ao noso territorio… O reto é maiúsculo, non cabe dúbida; mais contamos con iniciativas e propostas que poden converterse na base doutros mundos e outras realidades: grupos de consumo, circuítos de comercialización curta, proxectos agroecolóxicos, concellos composteiros, proxectos de valorización patrimonial, comunidades que transitan cara outros modelos…
En Feitoría Verde-Lilá queremos traballar para acadar esas alternativas. Entendemos a educación ambiental como unha ferramenta imprescindible para a dinamización social e a potenciación da capacidade de participación das persoas e dos colectivos, cuestión de base e imprescindible se queremos mellorar as nosas relacións co medio.