Educación Ambiental

Estamos nun momento moi preocupante que deriva do noso modelo de consumo insaciable e da nosa forma de vida urbana, individualista e patriarcal. Temos moitos retos por diante: a crise ecolóxica, a emerxencia climática, a ruptura dos ciclos naturais, o maltrato ao noso territorio… non son retos menores, pero temos tamén alternativas e vías de saída e construción de mundos mellores: grupos de consumo, circuítos de comercialización curta, proxectos agroecolóxicos, concellos composteiros, proxectos de valorización patrimonial, comunidades que transitan cara outros modelos… 

En Feitoría Verde queremos traballar para acadar esas alternativas. Entendemos a educación ambiental como unha ferramenta imprescindible para a dinamización social e a potenciación da capacidade de participación das persoas e dos colectivos, cuestión de base e imprescindible se queremos mellorar as nosas relacións co medio.

Concibimos a educación ambiental como ferramenta para a participación, a aprendizaxe mutua, o intercambio de experiencias e a valorización de recursos e prácticas, endóxenas e innovadoras. Para crear procesos que nos fagan sentir que vale a pena mudar, colaborar e repensar as nosas vidas e o noso mundo

As nosas propostas

Proxecto deseñado polo grupo SEPA Interea, USC. 

O Cambio Climático constitúe quizais o maior reto ambiental ao que se ten que enfrontar a humanidade na actualidade. A súa relevancia e impacto están fóra de toda dúbida e a posta en marcha de iniciativas de mitigación e adaptación revélase unha obriga inescusábel para estados, comunidades autónomas e municipios, entre outras moitas entidades.

Así mesmo, o papel que debe xogar a Educación Ambiental no impulso e acompañamento destas iniciativas tamén conta con reiterados chamamentos; o derradeiro deles recollido no Acordo de París aprobado na Conferencia das Partes celebrada en decembro de 2015.

É por este motivo polo que o Grupo de Investigación de Pedagoxía Social e Educación Ambiental (SEPA) da Universidade de Santiago de Compostela (USC) deseñou o proxecto “Descarboniza! que non é pouco…”, que ten como obxectivo principal a organización e acompañamento de grupos de persoas que estean dispostas a contribuír á “descarbonización” das súas comunidades; isto é, aumentar a súa resiliencia comunitaria e facilitar a transición ecolóxica cara a sociedades de baixas emisións.

O proxecto consiste nunha secuencia de sesións de traballo nas que analizar e reflexionar cun grupo de persoas sobre as causas e consecuencias do cambio climático, así como identificar e estimular as accións que poden poñerse en marcha para reducir as emisións de gases de efecto invernadoiro de forma individual e colectiva.

Feitoría Verde ten participado na implementación do proxecto en Boimorto, en colaboración coa ONG Asemblea de Cooperación Pola Paz (ACPP). Froito desa colaboración, na actualidade son varios os concellos cos que se está en contacto para o seu desenvolvemento.

Un proxecto para abordar a saúde emocional en tempos de crises sanitarias e climáticas

A COVID-19 obrigounos, en moi pouco tempo e sen preparación, a enfrontarnos a unha nova situación chea de elementos descoñecidos para a meirande parte da cidadanía: confinamento, distancia física, máscaras e luvas, etc.

Pasados os momentos máis duros da pandemia, a nova normalidade preséntase como un enorme reto, non só polas medidas de seguridade para evitar novos rebrotes e confinamentos, senón polo desafío que supón saber sobrepoñernos ao acontecido, xestionar o medo, e manexar as novas formas de relacionarnos.

O proxecto que se presenta pretende abordar esta incerta realidade a través dunha iniciativa de educación emocional dirixido á mocidade e outra de educación ambiental dirixido á terceira idade. Unha mestura educacional e interxeneracional fronte a incertidume.

O noso entorno está súper (des) equilibrado, igual ca nós, e necesita que pensemos nel como parte de nós, que o coidemos, igual que el coida de nós. Se o noso planeta non está ben, nós estaremos en total (DES) equilibrio: o planeta é parte da nosa saúde. Os coidados precisan de tempo e habilidades. Hai que poñerse no lugar da outra persoa ou, neste caso, do meu entorno, pensar que é o que precisa e buscar o xeito de darllo… amodiño logo!

Por iso propoñemos unha serie de actividades onde poder mellorar a nosa relación co entorno. Comezando cun traballo en torno á valoración da nosa biodiversidade; coñecer sobre os xerminados ou a polinización e todas aquelas cousas que podemos facer desde os nosos fogares e transportalo ás nosas vilas e aldeas. Tamén hai actividades relacionadas cos alimentos quilométricos e a análise de material cultural para ver que hai da emerxencia climática.

Tendo en conta que comemos, polo menos 3 veces cada día, e que disto depende a nosa saúde, ofrecemos unha batería de actividades dirixidas a adentrarnos no mundo dos alimentos dun xeito lúdico e interesante.

Co xogo de cartas: “a fame”, aprenderemos a elaborar un bo prato saudable, coñeceremos a pirámide dos alimentos e a darlle importancia ao momento do xantar, probaremos e experimentaremos sabores, texturas, cores, olores… e veremos canto do que pensamos que non nos gusta, resulta que si que nos gusta!

Analizaremos a relación dos alimentos e das comidas coas diferentes culturas e aprenderemos a realizar deliciosas receitas con produtos de tempada e locais. Alimentarse non é o mesmo que nutrirse, queres saber porque?

O noso entorno ofrece posibilidades que poden facer do noso sistema de alimentación e hostalería un motor de recuperación e dinamización rural.

Coas propostas de proxectos de creación de circuítos comercialización curta pretendemos crear procesos de traballo dirixidos a grupos de profesionais do primeiro e do terceiro sector e a consumidorxs.

Parécenos imprescindible crear pontes de comunicación rural-urbano que fomenten o interese pola produción local e ecolóxica xeren a corresponsabilidade no mantemento dun medio rural vivo a través do apoio a proxectos agroecolóxicos de carácter local.

O exemplo que poñemos sobre a mesa foi o traballo que fixemos en Melide en colaboración coa Asociación Herbamoura para a creación dun grupo de consumo local.

Pero as posibilidades son moitas máis, o equipo de Feitoría Verde traballará para poñer en marcha procesos de dinamización de grupos, que poden ter maior ou menor duración e que buscarán a creación de grupos de consumo ecolóxicos, de procesos de colaboración entre proxectos labregos e entre estes e o sector da hostalería.

En colaboración con A Cova da Terra e entidades sen ánimo de lucro

Este proxecto nace do traballo común de varias asociacións galegas, e Feitoría Verde tivo o pracer de facer parte del.

“De aquí, xusto e ecolóxico” foi un proceso de sensibilización e formación para a mocidade galega que naceu coa finalidade de valorar os seus recursos propios e de repensar o rural como unha posibilidade real de autoemprego. Feitoría Verde desenvolveu 9 obradoiros formativos en concellos das catro provincias galegas para amosar estas potencialidades e intercambiar experiencias de éxito, colaborando con proxectos de aquí, xustos e ecolóxicos que xa estaban funcionando.

O obradoiro contaba cunha serie de dinámicas activas que buscaban dar resposta ás principais dúbidas que xurden cando se pretende pór en marcha proxectos de autoemprego fundamentados na agroecoloxía e en recursos rurais.

Coa dinamización das seguintes actividades de educación ambiental:

    • Visitas guiadas á exposición para distintos públicos (escolar, adulto, etc).
    • Obradoiros de educación ambiental de diversas temáticas.
    • Actividades de educación ambiental específicas para público escolar (adaptadas aos diferentes niveis).
    • Roteiros interpretativos por diferentes espazos da cidade.
    • Acompañamento e colaboración con actividades de diferentes entidades locais.
    • Tarefas de difusión e xestión interna.
De todas as R a máis relelvante é a R da Redución. 

Sendo conscientes de que a fracción de lixo que máis xeramos é a orgánica e tendo en conta as posibilidades que ofrece o noso entorno podemos poñer en marcha procesos participativos de fomento da compostaxe domiciliaria e/ou comunitaria, que, ademais, supoñen un aforro importante en termos ecolóxicos e económicos. 

Os nosos exemplos son os  que levamos a cabo nas residencias universitarias do campus sur da USC, ou o proceso de fomento da compostaxe que fixemos para o Concello de Rois. 

Ofrecemos un proxecto de educación ambiental dirixido a todos os públicos para implantar composteiros domiciliarios ou comunitarios e realizar as tarefas de transmisión de coñecementos, resolución de dúbidas, acompañamento e asesoramento ás persoas participantes

O proxecto “Descarboniza! Que non é pouco…Mulleres fronte a emerxencia climática” nace da necesidade de enfrontar a emerxencia climática tendo en conta a perspectiva de xénero, facendo reais os principios do ecofeminismo e dándolle visibilidade a que xénero e cambio climático non poden nin deben entenderse de maneira separada.

Coa premisa de articular un espazo seguro non mixto para un grupo de mulleres maiores de idade con interese na dupla cambio climático e xénero, o proxecto desenvólvese nos concellos de Santiago de Compostela, Padrón, Ames e Val do Dubra, cunha proposta metodolóxica en clave de xénero a partir da definida no marco do proxecto matriz “Descarboniza! Que non é pouco…”.

Este proxecto conta co cofinanciamento da Deputación de A Coruña, a través do (FOIO0A) PROGRAMA DE SUBVENCIÓNS A ENTIDADES SEN ÁNIMO DE LUCRO PARA O MANTEMENTO DE PROGRAMAS EN POLÍTICAS DE XÉNERO NO ANO 2023 (12.705,53€; 80% do financiamento total), e os Concellos participantes.