Como traballamos
Fundamentos metodolóxicos
Feitoría Verde-Lilá busca activar o pensamento crítico e impulsar cambios de actitudes e comportamentos arredor da ecoloxía e das relacións socioafectivas de cara a construción dunha sociedade máis xusta, igualitaria e sustentable. Dirixímonos tanto a público adulto como a crianzas, adolescentes e mocidade, deseñando e acompañando procesos a longo prazo, así como accións puntuais, en colaboración con entidades públicas e privadas.
Entendemos o coñecemento como algo dinámico, que se constrúe na práctica e na reflexión compartida. Por iso, a nosa metodoloxía basease en procesos participativos, flexibles e adaptados a cada proxecto e a cada grupo, integrando reflexión individual e traballo colectivo.
Apostamos por metodoloxías participativas e socioafectivas, empregando os xogos e as artes como ferramentas claves para a promoción do autocoñecemento, da aprendizaxe compartida, a investigación aplicada e unha avaliación continua. Deste xeito, enriquecemos os proxectos e fomentamos a implicación activa das persoas en todo o proceso.
Ámbitos temáticos e de traballo
Entendemos a educación ambiental, a participación comunitaria, a educación social e a igualdade como eixos transversais en todo o que facemos. Son dimensións que se entrelazan e reforzan mutuamente en cada proxecto, obradoiro ou proceso que acompañamos. Esta visión integral permítenos activar cambios reais, onde o coidado, a participación e a transformación social van sempre da man. Facemos realidade esta visión a través de proxectos que poden ser clasificamos en cinco grandes ámbitos de traballo:
Dinamización en centros educativos
Traballamos co alumnado, profesorado e familias en convivencia, educación emocional, igualdade de xénero, educación sexual integral e antirracismo, fomentando participación activa e experiencias significativas.
Dinamización comunitaria
Implicamos colectivos para abordar problemáticas específicas coa facilitación de grupos, dinamizacións de espazos e eventos. Creamos redes de colaboración, fortalecendo vínculos e potenciando a participación cidadá para xerar transformación social desde o territorio.
Formación e sensibilización
Compartir as nosas experiencias e coñecementos fai parte dunha lóxica de colaboración e cooperación son norma. Aquí recompilamos cursos e actividades formativas en diferentes temas.
Investigación e construción de coñecemento
Consideramos algo básico crear e difundir coñecementos, polo que facemos parte deste proceso con proxectos de estudos e de investigacións, divulgación, creación de unidades ou guías didácticas.
Asesoramento e acompañamento
Acompañamos colectivos e entidades no desenvolvemento dos seus proxectos, cos coidados no centro. Ofrecemos mentoría e apoio, facilitando o autocoñecemento e a creación colectiva, así como intervencións e mediación que potencian a acción colectiva.