Saltar ao contido

Dinamización en centros educativos

Co-educando en familia: un encontro para o botrato

Recursos asociados
Período temporal

2024-2025

Concellos/ Lugares

CEIP Brión

Entidades financiadoras

ANPA CEIP de Brión

Este proxecto nace co propósito de implicar as familias na construción dunha cultura de igualdade e bo trato, ofrecendo un espazo común de aprendizaxe e reflexión.

Nunha primeira fase, nais, pais e crianzas participan xuntas nun obradoiro práctico, experimentando ferramentas e prácticas coeducativas que favorecen relacións máis igualitarias e respectuosas. Posteriormente, o grupo divídese:

  • As persoas adultas traballan nun espazo propio, reflexionando sobre as súas experiencias, explorando conceptos teóricos e resolvendo dúbidas arredor da coeducación, a educación sexual integral e o bo trato.
  • As crianzas continúan a través de xogos e dinámicas entre iguais, reforzando vínculos positivos e interiorizando a importancia do bo trato nas súas relacións.

Dirixido á comunidade familiar, este proxecto promove a participación cidadá desde a base educativa, reforzando o papel das familias como axentes clave na transmisión de valores de igualdade e convivencia.

Imaxes

Medrando en igualdade: Unha proposta de coeducación emocional e botrato para a mellora da convivencia

Recursos asociados
Período temporal

2024

Concellos/ Lugares

CEIP Santiago Apóstol

Entidades financiadoras

ANPA Santiago Apóstol – Deputación da Coruña

O proxecto “Medrando en igualdade: Unha proposta de coeducación emocional e bo trato para a mellora da convivencia” está dirixido á comunidade escolar do CEIP Santiago Apóstolo. Ten como obxectivo visibilizar referentes feministas e locais, dándolle valor a aquelas mulleres e figuras que, a miúdo invisibilizadas, teñen contribuído á promoción da convivencia, ao bo trato e ao coidado da comunidade.

A iniciativa estrutúrase en tres liñas de acción complementarias:

  1. Obradoiros de coeducación emocional e bo trato, dirixidos ao alumnado de 5º e 6º de primaria, para traballar a mellora da convivencia e a igualdade desde a práctica vivencial.

  2. Roteiro das mulleres, que permite descubrir e poñer en valor mulleres referentes da contorna próxima ao alumnado.

  3. Elaboración dunha proposta didáctica destinada ao profesorado e ás familias de infantil e primaria, centrada en figuras relevantes que fomentan o bo trato na sociedade.

 

A través destas accións, o proxecto impulsa unha cultura de igualdade, coidado mutuo e participación cidadá, consolidando referentes positivos tanto no ámbito escolar como no comunitario.

Imaxes

Obradoiro "Encontros no tempo"

Recursos asociados
Período temporal

2023

Concellos/ Lugares

Muro, Santiago de Compostela

Entidades financiadoras

Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia
Arquitectura Sen Fronteiras

O proxecto “Encontros no tempo” desenvolveuse dentro do ProxectoTERRA cun enfoque educativo e artístico. A través da fotografía, da música e do collage, as persoas participantes exploraron e reinterpretaron espazos comunitarios que foran esquecidos, abandonados ou que perderan o seu uso orixinal.

A intervención propuxo unha mirada dende a perspectiva de xénero, promovendo unha reflexión crítica sobre a memoria dos lugares e o papel que estes teñen na construción da identidade colectiva. Ao utilizar linguaxes artísticas accesibles e expresivas, o obradoiro favoreceu o recoñecemento e a posta en valor destes espazos como parte do patrimonio social e cultural.

Imaxes

Plan Proxecta: Activistas polo Mundo que queremos

Recursos asociados
Período temporal

2020-2024

Concellos/ Lugares

Varios por toda a Galicia

Entidades financiadoras

O proxecto “Activistas polo mundo que queremos” insírese na plataforma de innovación educativa Plan Proxecta, financiada pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Trátase dunha iniciativa colaborativa na que participan ONGDs como Solidariedade Internacional, AGARESO e ACPP, e que procura sensibilizar ao alumnado de secundaria en Galicia sobre a interconexión entre realidades locais e dinámicas globais.

O obxectivo fundamental é promover a conciencia crítica e a corresponsabilidade social, resaltando o papel que cada persoa ten na construción dunha sociedade máis xusta. Dentro deste marco, Feitoría Verde encárgase da xestión virtual, do acompañamento do alumnado, ademais de desenvolver o primeiro obradoiro, centrado en reflexionar colectivamente sobre que significa ser activista.

Imaxes

Teatro xornal

Recursos asociados
Período temporal

2022-2023

Concellos/ Lugares
Entidades financiadoras

ACPP

O proxecto “Teatro xornal” desenvólvese en colaboración coa ACPP no marco da exposición “Mira tí” de ACPP Galicia. A súa proposta céntrase na realización de obradoiros de teatro xornal, unha das técnicas do Teatro das Oprimidas.

O teatro xornal utiliza materiais e noticias procedentes dos medios de comunicación como punto de partida, permitindo ao alumnado desvelar os mecanismos ocultos da información, analizar discursos e cuestionar mensaxes que reproducen desigualdades ou prexuízos. Ao vincularse coa exposición Mira tí, os obradoiros ofrécense como unha experiencia crítica e participativa que combina reflexión, arte e acción colectiva. 

Imaxes

O teatro contra o racismo: Desmontar o racismo a través de metodoloxías teatrais

Recursos asociados

Período temporal

2021; 2022; 2023

Concellos/ Lugares

O Barco de Valdeorras, USC – Santiago de Compostela, Ribeira

Entidades financiadoras

O proxecto “O teatro contra o racismo: Desmontar o racismo a través de metodoloxías teatrais” propón unha intervención educativa baseada na participación activa do alumnado de primaria, secundaria e universidade. O seu obxectivo principal é proporcionar ferramentas de análise crítica sobre o discurso de odio, favorecendo a reflexión sobre situacións e actitudes que reproducen desigualdade racial.

A metodoloxía apóiase no teatro do oprimido, e máis concretamente na técnica de teatro foro. Nesta dinámica, o público deixa de ser espectador pasivo para converterse en actor ou actriz, experimentando en primeira persoa alternativas para resolver os conflitos que afronta un personaxe oprimido dentro da obra. Esta experiencia fomenta a empatía, o diálogo e a capacidade de transformación colectiva, ofrecendo un espazo vivencial para desmontar prexuízos e xerar conciencia crítica fronte ao racismo.

Imaxes

Escolas sen Racismo

Recursos asociados

Período temporal

2021-actualidade

Concellos/ Lugares

Forcarei, A Estrada, Negreira, Lalin, Milladoiro, Canicouva

Entidades financiadoras

ACPP

“Escolas sen Racismo” forma parte do proxecto máis amplo “Escolas Sen Racismo, escolas para a paz e o desenvolvemento: Fortalecendo as capacidades e ferramentas xeradoras de conciencia crítica no ensino galego” e realízase en colaboración coa ACPP. O proxecto consiste nun obradoiro de sesión única de 100 minutos, impartido con distintos grupos en centros educativos de Galicia.

A metodoloxía combina a prevención con técnicas participativas e de teatro do oprimido, como o teatro invisible, teatro imaxe e teatro fórum. Estes recursos permiten traballar con alumnado e docentes na promoción do respecto, a valoración da diversidade como riqueza e a colaboración como método de convivencia, así como na prevención de conflitos interraciais, acoso escolar e discriminación por xénero. O obradoiro busca sensibilizar ao alumnado, fortalecer a súa autoestima individual e colectiva, traballar sobre os conflitos derivados da presión de grupo e crear percepcións positivas sobre a interculturalidade, aproveitando as ferramentas e recursos do propio alumnado.

Imaxes

Títere-Foro contra o racismo

Recursos asociados

Período temporal

7 e 11 de xuño de 2021

Concellos/ Lugares

alumnado de 1º de EP CEIP Santiago Apóstolo – Santiago de Compostela

Entidades financiadoras

Asemblea de Cooperación pola Paz (ACPP).

O proxecto “Títere-Foro contra o racismo” ten como finalidade promover o respecto, valorar as diferenzas como riqueza e visualizar a colaboración e o diálogo como camiños para unha convivencia positiva. A iniciativa céntrase en problemáticas como os conflitos interraciais, o acoso escolar e a discriminación por xénero.

A súa metodoloxía baséase nunha proposta pedagóxica teatralizada: a través dun conto con títeres, o alumnado pode identificar os sentimentos das personaxes e reflexionar sobre como contribuír a mellorar o clima da aula e fomentar o bo trato. Despois da representación, ábrese un foro de debate que facilita a participación e a expresión das nenas e nenos, convidándoos a analizar situacións de presión de grupo, a buscar solucións proactivas e a reforzar tanto a autoestima individual como a colectiva.

En conxunto, o proxecto favorece a sensibilización fronte ás discriminacións e promove percepcións positivas sobre a interculturalidade, reforzando a convivencia baseada no respecto e no diálogo.

Imaxes

Obradoiros de Coeducación: prevención das violencias machistas e sexualidade integral

Recursos asociados

Período temporal

2021-actualidade

Concellos/ Lugares

Cuntis, Ribadumia, Santa Comba, Santiago de Compostela, Brión, Negreira, Arzúa, Ribeira, Oros, Pontevedra

Entidades financiadoras

Centros Educativos de Primaria, secundaria, FP, ANPAS

Os obradoiros de Coeducación céntranse na coeducación emocional e na educación sexual integral, cun obxectivo claro: cuestionar e reverter as desigualdades e as violencias machistas que xorden das estruturas de poder do sistema sexo-xénero. O proxecto entende a sexualidade non só como un conxunto de aspectos biolóxicos, senón como unha forma de relación e de coidado propio e compartido, imprescindible para fomentar centros máis respectuosos e igualitarios.

Os contidos, adaptables ás necesidades de cada centro educativo, inclúen o cuestionamento de estereotipos e roles, o estudo das diversidades sexo-xénero e das orientacións sexuais, o fomento de relacións sexuais pracenteiras e respectuosas, a información sobre métodos de anticoncepción para a prevención de infeccións de transmisión sexual e embarazos non desexados, e a análise e identificación das violencias machistas e dos discursos de odio dirixidos a colectivos minorizados (por exemplo, persoas migradas ou racializadas, persoas LGBTIQA+ ou persoas en situacións de desigualdade socioeconómica).

A metodoloxía articúlase en torno á chamada “escaleira da prevención de conflitos”, empregando xogos e dinámicas participativas como ferramentas principais para traballar habilidades sociais e emocionais e mellorar a convivencia e as relacións interpersoais no centro.

Imaxes

Mediación

Recursos asociados

Período temporal

2021-actualidade

Concellos/ Lugares

Cuntis, Ribadumia, Santa Comba, Santiago de Compostela, Brión, Negreira, Arzúa, Ribeira, Oros, Pontevedra

Entidades financiadoras

Centros Educativos de Primaria, secundaria, FP, ANPAS

Este programa socioeducativo está pensado para centros que queren mellorar o clima escolar e favorecer relacións máis igualitarias e respectuosas.

iríxese a alumnado de todas as etapas, desde Infantil ata Formación Profesional, e busca fortalecer a convivencia a través do xogo, da educación emocional e de dinámicas participativas.

Nos obradoiros trabállanse cuestións tan importantes como a cohesión do grupo, a autoestima, a confianza ou a resolución pacífica de conflitos. O alumnado aprende a escoitar e a ser escoitado, a colaborar, a compartir responsabilidades e a construír relacións máis xustas.

Son actividades que se poden desenvolver como intervencións puntuais para atender necesidades concretas ou como procesos máis longos, acompañando ao grupo nun camiño de cambio cara a unha auténtica cultura do bo trato.

Entre 2021 e 2025 realizamos este proxecto en numerosos centros educativos de Galicia, en mais de 20 concellos como Pontevedra, Santiago de Compostela, Ribeira, Arzúa, Santa Comba ou Brión. A experiencia demostrou que, tras estas intervencións, mellora a cohesión e o ambiente da aula, redúcense os conflitos e o alumnado gaña ferramentas para afrontar os retos da convivencia escolar.

É unha proposta especialmente indicada para institutos, colexios, ANPAS ou asociacións que queiran dotarse de recursos prácticos e efectivos para promover a igualdade, a cooperación e a resolución pacífica de conflitos dentro da comunidade educativa.

Imaxes

PHP Code Snippets Powered By : XYZScripts.com