Participación cidadá

Nas últimas décadas, o protagonismo adquirido pola Participación, como substantivo (participación social, participación ambiental, etc.), ou como adxectivo (democracia participativa, presupostos participativos, etc.), non deixou de aumentar. Semella que na actualidade, a Participación converteuse nun “lugar común”, non só no marco dos movementos sociais senón tamén en discursos, declaracións de intencións, programas e/ou proxectos sociais de administración, organismos internacionais e incluso en determinados sectores do mundo empresarial.

Claro está, hai moitas formas de participar, e non é o mesmo participar respondendo unha enquisa a través das redes sociais que implicarse activamente nunha decisión que afecta ao meu barrio ou veciñas e que seguen un longo proceso de xuntanzas, negociacións e aprendizaxes.

E igual que hai moitos tipos de participación, tamén temos moitos tipos de dinamización e facilitación. Procesos nos que dende Feitoría Verde, como dinamizadoras, cremos na necesidade de habilitar mecanismos de deliberación equitativa e inclusiva, desenvolvendo técnicas que permitan unha implicación activa e satisfactoria das persoas participantes.

As nosas propostas

O Batefogo é un proxecto de intervención social que propón compaxinar de forma eficaz a prevención dos lumes coa dinamización económica e social do medio rural.

Este proxecto pretende reducir o número e o impacto dos lumes forestais, fomentar os usos sustentábeis do monte e a dinamización económica do medio rural, xerando unha nova cultura forestal que poña en valor os elementos patrimoniais e culturais do territorio e promover unha custodia participativa do territorio.

Trátase dunha proposta en clave participativa na que se analiza o territorio desde unha perspectiva socioambiental e na que se promove unha diagnose da situación consensuada coa veciñanza a través dun proceso de participación do que se obteñan resultados que melloren a situación dos nosos montes. Ademais quere poñer o acento na participación das mulleres na xestión dos nosos montes, avogando porque a incorporación de ópticas diversas pode contribuír á transformación dos nosos montes e á aparición de usos máis sustentables que diminúan o número e impactos dos lumes.

Link a https://batefogo.wordpress.com/

As persoas somos seres sociais e dependentes: dependemos das finitas materias que nos ofrece a natureza para alimentarnos, asearnos… Dependemos dos coidados e afectos das outras persoas que nos rodean. Dependemos e precisamos contacto, conversas, risas, choros e ata discusións, porque todo isto forma parte de ser persoa en comunidade.

Os lugares onde vivimos axudan a que tezamos eses lazos de comunidade máis ou menos estreitos, pero querer establecer e coidar desas relacións e aprender a participar é a clave para construír comunidade.

Se algo puxo de manifesto o confinamento pola Covid 19 é a necesidade dos espazo e tempos de lecer e recreación. Dun día para outro, polo ben de todas as persoas, quedamos sen poder desfrutar dun paseo polo monte, xogar á pelota, pasear polas zonas vellas das cidades, andar en bici, xogos de mesa con amigxs, desfrutar da brisa do mar, bañarnos en contornas naturais, sentir un concerto ou ver unha obra de teatro… cousas que pouco teñen que ver con pasar unha tarde nun centro comercial.Dun día para outro, moitas destas cousas que non íamos facer a curto prazo, botámolas de menos. Evidenciouse polo tanto a necesidade de que formen parte da nosa vida, da nosa saúde.

O lecer, a creatividade e a arte son actividades que desenvolven o crecemento interno das persoas e o benestar.

Propoñemos conseguir o obxectivo de preservación e posta en valor do patrimonio inmaterial de calquera lugar a través da posta en marcha dun proceso participativo no que as veciñas e veciños aporten e recoñezan todos eses valores, tanxibles e intanxibles, que se queiran inventariar, protexer ou preservar. Como?

A idea é seguir a metodoloxía proposta pola Reserva da Biosfera de Montseny que vincula o patrimonio cultural inmaterial co  natural de xeito indivisible. As tradicións, costumes, coñecementos, oficios, festas… todo aquelo que a comunidade recoñece, lembra, entende e ten integrado no seu día a día, pode ser motor de arranque de modelos de desenvolvemento rural e local máis xustos e sustentables.

Así é como o fixemos, xunto á cooperativa Maos, no Proxecto de Inventariado e Posta en Valor do Patrimonio da Reserva da Biosfera
Transfronteiriza do Gerês-Xurés. Un proceso no que aprendimos e do que estamos moi orgullosas.

Co traballo feito coas veciñas e veciños deseñamos tres rutas de sendeirismo e btt, fixemos un proceso educativo nos centros de ensino, unha festa- exposición e algunha ruta guiada.

Podedes dispoñer do material resultante podedes atopalo nos seguintes enlaces documentais:

https://vimeo.com/152697874 e https://vimeo.com/152699863

Feitoría Verde e MaOs Innovación Social puxemos en marcha un proceso de diálogo e traballo colectivo coa veciñanza das parroquias de Santa María de Xeve, Santo André de Xeve e Verducido. No Concello de Pontevedra.

Rural Activo segue a ser un proxecto vivo e con posibilidades de reproducirse noutros contextos. Os obxectivos que se teñen están encamiñados a conxugar as potencialidades do patrimonio material e inmaterial do rural co autoemprego.

O proceso consta de tres fases:

    • Elaboración dunha diagnose colectiva de recursos potenciais para o autoemprego. Esta diagnose realizase a través dun proceso participativo que se estrutura nunha serie de sesións que denominamos Faladoiros.
    • Escola de Coñecementos: a partir das conclusións da fase anterior, deseñamos un proceso formativo coas materias máis demandadas polo grupo.
    • Fase de asesoramento e seguimento de proxectos: aquelas iniciativas de interese e con posibilidades poden comezar o seu camiño nesta última fase acompañadas polo equipo de traballo de MaOs e Feitoría Verde.

A xestión participada do territorio é unha fórmula aberta, transparente e democrática de crear modelos de funcionamento territorial inclusivos, sustentables e máis xustos. Ofrecemos a dinamización dun proceso de participación social no que se poida incluír a visión e as necesidades dos colectivos diversos que conforman a nosa sociedade local e adaptar a ordenación e planificación do territorio inmediato a estas realidades, avogando por un medio máis conectado, máis consolidade e unha comunidade máis cohesionada e vinculada co seu entorno.Como exemplo contamos co desenvolvemento dun proceso de participación para mellorar a aplicación das medidas do PXOM en elaboración co Concello de Caldas de Reis.

Feitoría Verde dinamizou un proceso para construír colectivamente un itinerario pola costa de Rinlo, no concello de Ribadeo, co colectivo de percebeiras e percebeiros.A idea desta iniciativa é conseguir diversificar a actividade económica do sector percebeiro neste caso, para complementalo con outra actividade sustentable a través dun proceso de capacitación como guías – intérpretes.

O deseño do roteiro realízase a través dos coñecementos e valores que só coñecen os axentes locais dun territorio. O traballo de Feitoría Verde é de facilitación e dinamización, de organización e conclusión.

Neste caso, ademáis, a idea é diminuír a presión que o turismo exerce sobre a Praia das Catedrais e ofrecerlle unha opción innovadora, interesante e cun valor engadido: o coñecemento e experiencia de quen vive e traballa da costa.