Nós

Paula Lubián

Unha persoa tan valente e capaz como para crear unha cooperativa de educación ambiental en plena crise e ser quen de levala adiante con proxectos innovadores e transformadores durante moitos anos. E ademais facelo sen perder a empatía coas persoas coas que traballa, as gañas de seguir aprendendo e a ilusión de querer cambiar as cousas.

Resolutiva, constante e con infinita capacidade de adaptación ademais de xenerosidade. Queres botar unha tarde diferenciando fentos, árbores ou aprendendo de xeoloxía? Paula é unha apaixonada dos pequenos detalles e da aprendizaxe colectiva e compartida.

Miguel Pardellas

As palabras que definen a Miguel son coñecemento, capacidade de síntese e concreción, constancia e creatividade na aplicación metodolóxica. Así é que serve, na aplicación de proxectos educativos, como ponte entre a academia e a comunidade.

Tranquilo, investigador curioso e soñador, cun humor intelixente. Probablemente non verás a Miguel facendo o parvo, pero si fomentando actividades e procesos onde as persoas aprendan dende a diversión e a risa. En constante búsqueda de outras formas de facer e transformar…

Ángela Fraga

Integrar perspectivas, sensibilidades e carácter lúdico en todos os momentos dos procesos educativos é fundamental para que teñan éxito; Ángela faino.  É creativa e versátil, e ademais sáelle de xeito natural. Así é que os grupos cos que traballa queren repetir.  

Tan divertida e vital que traballar con ela convértese nunha experiencia enerxética e enriquecedora a todos os niveis. Para completar o cóctel, a coherencia e o activismo que fan parte do seu adn fan de calquera das súas intervencións un exercicio de transformación tan potente como rexoubeiro.

Ofrecer á sociedade unha práctica educativa ecofeminista que, a través de procesos individuais e colectivos, sexa quen de proporcionar as ferramentas e capacidades para enfrontar os retos presentes e futuros da humanidade en materia de medio ambiente, desigualdades sociais ou desigualdades de xénero.

Ser unha cooperativa recoñecida pola súa capacidade de desenvolver proxectos onde a investigación, a coeducación, o medio ambiente, o xénero ou a ética dos coidados vaian sempre da man; dando resposta ás necesidades das persoas e entidades que participan e impulsando a transformación socioecolóxica necesaria para o ben común.

Solidariedade – Sustentabilidade – Xustiza Social e Ambiental

Entendemos que a busca de solucións á actual situación de crise ambiental e social pola que atravesan as sociedades contemporáneas está estreitamente ligada á activación de mecanismos de solidariedade entre persoas e colectivos, a través de fórmulas interxeneracionais non curtopracistas.

 

Ecofeminista – Igualdade – Equidade

A nosa empresa defínese necesariamente ecofeminista, impulsando a busca de alternativas que compaxinen a equidade entre xéneros e a consideración dos límites da biosfera.

 

Cooperación – coeducativa – corresponsábel

As fórmulas de traballo basearanse necesariamente na cooperación, estendéndose esta ás prácticas educativas, a través de dinámicas que promovan a coeducación e a corresponsabilidade entre educadoras e participantes.

 

Ética – coherente – comprometida

A ética, en clave ecofeminista, a coherencia, cos nosos valores e principios, e o compromiso por unha transformación da sociedade en termos de ben común, eríxense como os fitos sobre os que sustentar o deseño e desenvolvemento de proxectos.

 

Participación – comunidade – colectiva

Calquera proceso participativo resulta tamén un proceso educativo, polas capacidades e coñecementos que se adquiren do colectivo participante. Na mesma liña, consideramos que a práctica educativa debe rexerse tamén polos principios dunha educación participativa, que contemple, alén dos individuos, as dimensións do colectivo e a comunidade.

 

Coidados – Inclusión – Diversidade

Coidar ás persoas coas que traballamos e coidarnos a nós mesmas resulta vital para o desenvolvemento dunha práctica profesional na que, por riba de todo, prima o respecto e a inclusión, considerando a diversidade das necesidades individuais e colectivas.